Bieito Lobeira advirte de que “o actual está desbordado” e denuncia que “a volta do PP ao Goberno supuxo a paralización do novo centro de saúde”
Santiago de Compostela, 6 maio 2010.- O BNG ven de presentar no Parlamento Galego unha proposición non de lei pola que insta á Xunta de Galiza a construír un novo centro de saúde en Marín.
Os deputados do BNG Bieito Lobeira e Ana Luisa Bouza salientan que a reivindicación nun novo centro de saúde para Marín “é xusta e unánime, e responde a un criterio social elemental, segundo o cal non é lóxico que un concello de 26.000 habitantes padece un claro déficit en asistencia sanitaria”.
O actual centro de saúde presenta numerosas deficiencias e está desbordado
Así, os parlamentarios nacionalistas denuncian que o actual centro de saúde non cumpre coa legalidade vixente en materia de accesibilidade. A maiores, advirten de que “está situado na rúa da Estrada, nunha costa moi pronunciada que dificulta o acceso de vehículos, mais tamén a pé, de persoas con minusvalías ou con problemas de mobilidade derivados da súa idade”.
A demais, advirten de que “a atención de urxencias está no primeiro andar, cando o lóxico é que debera estar situada no andar de acceso (…) e en definitiva é posíbel comprobar como o número de xente que acode ao actual centro de saúde desborda amplamente a súa capacidade orixinal”.
A volta do PP á Xunta supuxo a paralización do novo centro de saúde
Neste sentido, Bieito Lobeira e Ana Luisa Bouza lembran que, “a fin de resolver este problema, o pleno do concello de Marín aprobou o 8 de maio de 2009 ceder gratuitamente ao SERGAS a parcela nº24, de 2.500 metros cadrados, sita na urbanización Virxe do Carme, para darlle cumprimento a un protocolo de cooperación asinado meses antes coa Consellaría de Sanidade para a construción dun novo Centro de Saúde”.
Sen embargo, os deputados do BNG denuncian que “a chegada do PP ao Goberno da Xunta supuxo a paralización deste proceso”. Deste xeito, nos Orzamentos da Xunta para 2010 “non se recolle ningunha partida para o novo Centro de Saúde de Marín e non existen indicios de que esta infraestrutura tan necesaria sexa unha realidade”.
Iniciativa do BNG
Ante esta situación, o BNG presentou unha Proposición non de Lei no Parlamento Galego pola cal insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas para a construción en Marín dun Centro de Saúde de titularidade e xestión públicas, iniciando as obras no presente 2010, de acordo ao Plano Funcional xa elaborado, e que incluirá un Punto de Atención Continuada (PAC)”.
Ademais, o BNG demanda que o novo centro de saúde contemple, como mínimo, as seguintes dotacións e servizos: quince consultas en medicina xeral; quince dependencias asignadas a enfermería; catro consultas de pediatría; catro consultas de enfermería pediátricas; dous polivalentes de pediatría; unha consulta de matrona; unha dependencia de educación maternal; unha zona de radioloxía; unha área específica de atención á muller ou catro consultas para médicos residentes, entre outras.
Iniciativas parlamentares do BNG co Centro de Saúde de Marín: Centro Saúde Marín Pregunta, Centro Saúde Pregunta-e e Centro Saúde Marín Proposición




