
A Concellaría de Obras, presidida polo edil nacionalista Xosé María Vilaboa, ten previsto destinar unha partida de aproximadamente 30.000 euros, con cargo ao crédito municipal, á realización de obras de mellora e ampliación do alumeado no núcleo rural de Pastoriza.
Destacar que na actualidade o lugar de Pastoriza conta con tan só 23 puntos de luz, número insuficiente para cubrir as necesidades reais dos veciños que residen nesta zona. Para solventar esta carencia, o departamento municipal xa elaborou un importante proxecto, que abarca fundamentalmente dúas liñas de actuación. A primeira céntrase na sustitución das luminarias que se encontran inactivas ou en malas condicións e, a segunda, na ampliación dos puntos de luz existentes, incorporándose concretamente 14 máis ao tendido. Deste xeito, o lugar de Pastoriza pasaría de ter 23 luminarias a contar con 37.
Por outra banda, indicar que a actuación detallada anteriormente se completará coa instalación dun novo cadro eléctrico reconductor do fluxo, que permitirá realizar un aforro enerxético importante, pero sen minar en ningún caso a calidade na iluminación.
O concelleiro de Obras apuntou que as obras se van adxudicar proximamente e se prevé que poidan comezar a executarse o vindeiro mes de xuño. Vilaboa tamén resaltou o feito de que Pastoriza é un dos núcleos máis rurais do Concello de Marín e por tal condición “foi tradicionalmente esquecido e abandonado polos anteriores gobernos municipais”.
Sen embargo, anunciou que esta situación mudará progresivamente, posto que “este Goberno se propuxo traballar para dotar a este lugar e os seus veciños dos servizos básicos de alumeado e saneamento, entre outros”. Neste senso, recordou que xa se fixeron varias actuacións que demostran esta nova liña de potenciación de Pastoriza impulsada dende a Administración local, con vistas a facer realidade o compromiso adquirido cos residentes. Entre as obras realizadas destacan a construción dunha pista deportiva e un parque infantil e a inclusión dentro do proxecto de circuito de BTT da remodelación do centro social.
Vilaboa concluíu que dende o departamento que dirixe se seguirá traballando para “poñer en valor tanto o núcleo de Pastoriza como o seu contorno” .


