O PXOM DE MARIN APROBASE PROVISIONALMENTE DESPOIS DE SUPERAR O INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DA XUNTA DE GALIZA
O Goberno Municipal de Marín ven de someter á aprobación provisional, por parte do Pleno da Corporación, o documento do Plan de Ordenación Municipal (PXOM).
No Pleno urxente e extraordinario do pasado martes día 20 de abril, aprobouse este documento, co voto a favor dos grupos de goberno (BNG e PSOE), do PP e dúas abstencións de MAR-IN.
Previamente a esta aprobación o PXOM fora remitido á Consellería de Medio Ambiente , xunto coa memoria medio-ambiental do mesmo, para sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.
O día 16 tivo entrada no concello a resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se aproba a Memoria Ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín.
A aprobación provisional do PXOM é o resultado dun traballo constante e continuo da Concellaría de Urbanismo de Marín, dirixida por Xosé María Vilaboa. O BNG marcarase como un dos obxectivos prioritarios deste mandato aprobar o PXOM de Marín. Despois de pasar dúas exposicións públicas, nas que todas aquelas persoas que quixeron alegar o fixeron, podemos dicir que este é un documento referendado pola inmensa maioría do pobo Marín que reclama a aprobación do PXOM.
Ademais o propio día 20 tamén tivo entrada no Concello o informe favorábel do organismo Augas de Galiza sobro o documento do PXOM.
Durante o transcurso do Pleno, Xosé María Vilaboa, destacou que esta aprobación chega xusto a tempo para que o documento do PXOM non se vexa afectado pola entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galiza que entrou en vigor o día 21 deste mes. Ademais o concelleiro nacionalista rexeitou as críticas dos partidos da oposición, que esquecendo que esta aprobación provisional viña sendo reclamada por eles, preocúpanse agora das presas en celebrar este pleno extraordinario.
Agora queda por diante obter o informe favorábel do Servizo de Costas do Estado, o cal é preceptivo e vinculante, e sen o cal non se pode enviar o documento á Xunta para que será a aprobación definitiva do PXOM de Marín.
Tamén queremos destacar a numerosa presenza de público no salón de plenos para apoiar esta aprobación, a pesares de que moitos non puideron entrar a causa das limitacións do aforo.




