A portavoz do BNG, Pilar Blanco, cre que a Alcaldesa debe aclarar se o seu concelleiro de deporte, Antonio Traba, mentiu ou falsificou documentación na tramitación das subvencións deportivas en relación co seu cargo de secretario ao fronte do club de baloncesto Peixe Fresco.
A raíz das acusacións da portavoz do grupo municipal Mar-In, a alcaldesa declarou en nota de prensa, que o concelleiro delegado de deporte Antonio Traba “cesó de sus funciones como secretario del club de baloncesto el mismo día en que nuestro partido político ganó las elecciones municipales”. Estas afirmacións contradín o que figura no expediente das subvencións outorgadas polo Concello, e na documentación presentada polo Club Peixe Fresco. Toda a documentación figura a nome de Antonio Traba, e na mesma figura unha declaración xurada con data 15 de decembro de 2011 asinada por el como secretario do club.
“Se tal como acredita a declaración xurada, a día de hoxe o señor Traba segue sendo secretario do club Peixe Fresco, ou ben o concelleiro mentiulle á alcaldesa, ou ben a alcaldesa nos está mentindo a todos”, afirma a edil nacionalista.
“O BNG valora que se está demostrado que o señor Traba minte, debe der cesado de inmediato por quen o nomeou concelleiro delegado de deporte, a señora Ramallo”.
“De non ter dimitido como secretario do club Peixe Fresco no momento de ser nomeado concelleiro de deporte, o señor Traba demostra unha absoluta falta de ética, xa que ten información privilexiada con respecto ás outras entidades deportivas que optan ás axudas do Concello a través dunhas bases elaboradas por el mesmo”.
O BNG xa advertiu no seu momento que o método de pago a xustificar escollido polo goberno actual para pagar as subvencións deportivas, non era o mellor. O Concello non só debe outorgar axudas senón tamén cumprir estritamente a lei, e despois de revisar o expediente hai moitos indicios de favoritismo duns clubs respecto a outros. Por este motivo o BNG solicitará que o expediente sexa fiscalizado polos técnicos de intervención e de secretaria.
“É preciso, polo ben das entidades deportivas e do propio Concello, que este expediente se tramite conforme ao que esixe a lei e da forma máis transparente posible, para garantir que non haxa favoritismos, sen mentiras e sen xerar sospeitas”, finaliza a portavoz do BNG.
Marín, 9 de febreiro de 2012
Axuntamos a declaración xurada á que facemos referencia.



