Seccion | Concello

O BNG afirma que o PP vende fume con respecto á escola infantil de Seixo

Escrito o 20 de Febreiro de 2012

Pilar Blanco asegura que non existe orzamento nin proxecto

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, afirma que a Xunta do PP, vende fume con respecto á escola infantil de Seixo, xa que os orzamentos aprobados para o ano 2012 non contemplan ningún investimento nin para Marín nin para o Morrazo en materia de educación.
“A condición imprescindible para poder crer que a Xunta fará unha escola infantil en Seixo nesta lexislatura é contar con partida orzamentaria, e nin nos orzamentos da Xunta para o 2012 nin nos anteriores se recolle un só euro para este proxecto”, asegura Pilar Blanco.
O Plan Educa, ao que aludiu a conselleira de Benestar na súa visita a Marín, é un convenio co goberno do estado que non posúe ningunha especificación ou previsión do que se vaia a construír unha gardería en Seixo.
Debemos lembrarlle á alcaldesa e a conselleira de Benestar, que os terreos para a construción da “galescola” de Seixo, están a disposición da Xunta do PP dende o ano 2009, cando concluíron os trámites realizados polo goberno local BNG-PSOE para desafectar as vivendas de mestres do CEIP de Seixo. Durante estes anos a Xunta, a pesares das reclamacións do Concello, non fixo nada para que Seixo conte cunha escola infantil.
“As dúas galescolas coas que conta Marín construíronse durante o goberno bipartito da Xunta, que materializou os proxecto da escola infantil de San Pedro e a adaptación do centro vinculado á Casa do Mar de Marín. Dende a entrada do PP na Xunta non se creou ningunha nova praza de educación infantil nin en Marín nin no Morrazo”, asegura a portavoz do BNG.
“En canto no BNG tivemos coñecemento de que os orzamentos da Xunta non contemplaban ningunha partida orzamentaria para esta dotación, presentamos emendas a nivel do Parlamento e do Concello, que foron rexeitadas na súa totalidade polo goberno da Xunta do PP”.
“Por desgraza estamos acostumados as falsas promesas e mentiras do PP en relación a Marín, e non hai máis que remitirse ao Centro de Saúde, do cal a señora Ramallo procura non falar dende que está na alcaldía”, afirma a edil nacionalista.
Recortes nas axudas sociais
A portavoz do BNG tamén asegura que é totalmente falso que se incrementarán nun 26 % as axudas sociais da Xunta no Concello de Marín.
“ O BNG xa denunciou no seu día que durante o ano 2011 a Xunta do PP anulou ás axudas para programas de cooperación social, como talleres de memoria, escolas de pais e nais ou programas de inclusión social, reduciu á mínima expresión as axudas a nenos e nenas xitanos, reduciu nun 20% as axudas destinadas a persoas dependentes, e máis do 70% as destinadas á axuda no fogar”, asegura Pilar Blanco.
Pregunta parlamentar
Finalmente a portavoz do BNG, anuncia que obrigarán á Xunta a concretar as promesas da conselleira de Traballo con respecto á escola de Seixo, en canto a prazos e orzamentos, a través de pregunta parlamentar que presentará o deputado nacionalista Bieito Lobeira.
Marín, 17 de febreiro de 2012

Procurar

Contacto

Podes contactar co BNG Marín a través do seguinte enderezo: marin -arroba- bng-galiza.org

En Facebook

Webs BNG (O Morrazo)

Aviso legal

O BNG de Marín non se fai responsábel dos comentarios verquidos por persoas alleas.