O pasado mércores 21 de abril de 2010 foi presentado publicamente o Plan de Dinamización Comercial de Marín, enmarcado dentro do Proxecto Arela.
A presentación correu a cargo de Manuel Ruibal, Tenente de Alcalde e Concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Vivenda e Deporte, xunto con Pablo López, xerente da empresa Proxectos, Consultoría e Formación, SL e Noa Casas, responsábel do Punto de Información ao Comercio (PIC).
O Plan de Dinamización Comercial de Marín ten como principal obxectivo a dinamización da economía local a través da posta en marcha de diferentes accións de promoción e dinamización comercial que estimulen a oferta comercial do pequeno comercio do Concello, atraendo demanda cara ao comercio polo miúdo do núcleo urbano.
Entre as accións a desenvolver, destácase:
- Punto Outlet: Acción central do Plan consistente en que os comerciantes dediquen un espazo da súa sala de vendas a produtos a menor prezo. Neste caso o Punto Outlet estará dentro dos propios estabelecementos comerciais, non existindo un lugar no que se concentre toda a oferta, un punto central do outlet. Realizarase cunha periodicidade semestral en maio e novembro de 2010 e abril de 2011.
- Tapas de sumidoiro: Intervención artística sobre as tapas de sumidoiro do núcleo urbano de Marín co obxectivo de converter as rúas de Marín nun punto de atracción para as persoas. Celebrarase un concurso para a selección da tapa gañadora coa correspondente entrega de premios. Desenvolverase en xuño e xullo de 2010.
- Ven e descubre Marín: Campaña publicitaria e promocional que busca vincular a hostalaría e o comercio de Marín e atraer visitantes de outros puntos de Galicia, mediante o sorteo de paquetes vacacionais. Celebrarase en xullo e agosto de 2010.
- I Xornadas Medioambientais: Teñen como obxectivo a concienciación medioambiental de todos os cidadáns do Concello así como a promoción do comercio xusto. Desenvolverase en agosto de 2010.
- Festa da Canción Mariñeira: Consiste na exaltación da canción mariñeira a través dun concurso de rondallas durante a celebración desta festa gastronómica. Celebrarase en setembro de 2010.
- Raid fotográfico “Aventúrate en Marín”: Concurso de fotografías centrado na temática do comercio e da hostalería de Marín a través dun percorrido polas rúas e establecementos de Marín. Desenvolverase en outubro de 2010.
- 20 días de compras por Marín: Coas mellores fotografías da promoción “Aventúrate en Marín”, farase unha exposición pública e elaborarase unha Guía comercial de Marín. Estas actuacións complementaranse coa realización de actividades ao longo de 20 días para dinamizar as zonas comerciais de Marín mediante actuacións musicais e circenses na rúa, reforzando a presenza do comercio na vida da vila a través da oferta de actividades de ocio. Terá lugar en outubro de 2010.
- Campaña Consumo: Campaña informativa coa que se pretende conseguir que os cidadáns teñan información relativa aos dereitos e prácticas de consumo no referente ás actividades de promoción de vendas. Desenvolverase en xaneiro e febreiro de 2011
- Coñece o mercado: Esta acción, dirixida aos máis pequenos do concello, comparte unha orientación pedagóxica e outra comercial, estruturándose a través de obradoiros nutricionais e visitas ao Mercado Municipal de Marín. Celebrarase nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2011.
- Outdoor de consumo responsable: Xogo que complementa á actividade anterior no que as familias terán que aprender como facer unha compra saudábel no mercado e como traballar en equipo para superar as diferentes probas que se lles presentarán nos estabelecementos comerciais de Marín. Desenvolverase no mes de marzo de 2011.
- Sumapremios.net: Sorteo de vales de compra a través do espazo web do Plan para incrementar as vendas dos comercios locais e buscar o tráfico informativo a través do espazo web do proxecto. Celebrarase de xaneiro a abril de 2011.
- VI Feira do libro de Marín: Trátase dunha feira do libro diferente na que se propoñen múltiples actividades como un Escaparate libreiro, con escenificacións nos escaparates das librarías de Marín, así como actuacións teatrais, que farán deste evento unha ineludible cita coa cultura, a diversión e a animación das rúas. Terá lugar en abril de 2011.
Ademais abrirase un Punto de Información ao Comercio (PIC) a finais do mes de abril que prestará apoio a todo o tecido comercial do Concello, a futuros emprendedores e á clientela. As funcións a desenvolver dentro do PIC son asesorar a emprendedores e profesionais en activo que queiran montar unha empresa ou mellorar a existente, así como planificar, coordinar, executar, e facer o seguimento e control das accións de dinamización a desenvolver dentro do Plan.
Finalmente, crearase un blog para o Plan de Dinamización Comercial de Marín adaptado á filosofía 2.0, que terá entre as súas funcións, comunicar e difundir as diferentes accións a desenvolver dentro do plan así como permitir a participación nas accións a través do espazo web, ademais de ser un punto de encontro entre os seus visitantes a través das redes sociais.



