A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Pilar Blanco sae ao paso da comunicación por parte da Alcaldesa, en Xunta de Portavoces da resolución do contrato Arela Mobilidade por parte do Concello.
“Onte ás sete da tarde fun convocada a unha Xunta de Portavoces a celebrar hoxe as 13.00 h para tratar sobre as obras que se están a levar a cabo nas rúas do casco antigo de Marín en base ao proxecto Arela Mobilidade. Durante a Xunta de Portavoces comunicóusenos por parte da Alcaldesa e o Concelleiro de Urbanismo que o Grupo de Goberno vai resolver o contrato destas obras á empresa adxudicataria. En ningún momento durante a reunión se nos solicitou opinión, simplemente se nos comunicaron os feitos”.
“O BNG advertiu do mal desenvolvemento destas obras dende o mes de outubro, cando nos decatamos da paralización das obras nas rúas do Saco e Secundino Lorenzo. O día 20 de outubro convocamos unha reunión veciñal para recoller as queixas veciñais e solicitamos da Alcaldesa que recibise aos veciños. Estes nunca foron recibidos e a señora Ramallo nunca deu a cara para recoñecer e dar conta do que sucedía con estas obras”, afirma Pilar Blanco.
“Ate hoxe, día no que se nos comunica in extremis a resolución do contrato, e a pesares dos nosos ofrecementos de colaboración, nunca fomos convocados polo Goberno e a información a que tivemos acceso coñecémola por iniciativa propia”, continúa a edil nacionalista.
“Neste momento, despois de máis de seis meses en obras, as rúas abertas están sen rematar e as molestias e prexuízos causados aos a veciños residentes e comerciantes non sabemos cando cesarán nin como se indemnizarán. É practicamente seguro que a empresa adxudicataria recorra ao xulgado por non estar de acordo co Concello, e todos sabemos o tempo que se pode alongar a solución dunha causa xudicial”.
“Segundo informou a Alcaldesa a empresa pode seguir adiante coas obras mentres non se resolva o contrato, o cal sen dubida vai causar molestias e problemas aos veciños, que a día de hoxe non teñen ningún tipo de información por parte do Concello, o cal supón un desprezo en toda regra aos afectados directos desta situación”, asegura Pilar Blanco.
“Durante a reunión a Alcaldesa asegurou non sentir ningún tipo de responsabilidade política ante esta situación, o cal confirma o risco que corre o Concello de perder os Fondos Europeos conseguidos polo goberno anterior para reformar o casco antigo de Marín, e a falta de capacidade e a situación de desbordamento na que se atopa este Grupo de Goberno ante a herdanza de proxectos vitais para Marín recibida do goberno anterior”, afirma a portavoz do BNG.
“A nosa man segue tendida para que Marín non perda este importante investimento, pero dende o grupo de goberno non parece haber a humildade necesaria para aceptala nin para recoñecer os graves erros que agora desembocan nesta agoirada situación”, finaliza Pilar Blanco.



