A Xunta vai retrasar a construción do Centro de Saúde, así foi denunciado perante a opinión pública de Marín polo BNG o pasado día 27 nunha rolda de imprensa.
Para salvarlle a cara a María Ramallo, o PP e a Xunta está contemplando alugar un local para o traslado das consultas que se fan actualmente.
Unha vez máis, Marín sufre un agravio comparativo por parte da Xunta do PP, enganan á sociedade do noso concello falándonos de que van licitar a obra cando non existe ainda o proxecto, todo isto co único obxectivo de facilitarlle a campaña á actual voceira do PP ante a falta evidente de proxectos para Marín desde a chegada dos populares ao goberno autonómico.
Como sinala a Tenente de Alcalde de Marín, a nacionalista Pilar Branco: «O traballo da Consellaría de Sanidade até este momento foi porlle atrancos no camiño para responsabilizar ao Concello do atraso da Obra«. A Conselleira de Sanidade mesmo chegou a dubidar da parcela que o Concello de Marín puxo a disposición do SERGAS, cumprindo con todos os requisitos requeridos que lle exixira a propia Xunta.
Ademais, ainda por riba, queren privatizar varios servizos, seguindo coa política de privatización e de beneficiar aos amiguetes do PP, en detrimento da sanidade pública e empeorando a calidade asistencial dos pacientes e laborais dos traballadores sanitarios.
Este circo que está montando o PP, e que empezaron cando pospuxeron a súa construción até o 2011 e do que constatamo que até, polo menos, o 2014 non estarán rematadas as obras, continúa agora co aluguer dun local para as consultas, pretendendo que o soliciten os propios donos dos locais.
Desde o BNG estaremos expectantes ante esta situación, loitando por un Centro de Saúde público para Marín. Nos últimos anos foi o BNG a única organización que estivo pelexando por conseguir levar adiante este proxecto tan necesario para Marín, desde a chegada do BNG ao Goberno Municipal desbloqueouse a consecución da parcela do INVIFAS e desde o Goberno Bipartito se puxo en marcha os trámites para a construción da mesma.
Se este tema está no debate da sociedade marinense foi grazas ao traballo político e institucional do BNG tanto no Concello como no Parlamento Galego.



