Pilar Blanco anuncia que presentará unha moción alegando investimentos para Marín
Esta mañá o deputado do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, acompañado da portavoz municipal, Pilar Blanco e o responsable local Celso Milleiro, compareceron en rolda de prensa para valorar os orzamentos que a Xunta de Galiza ven de presentar en forma de proxecto.
Bieito Lobeira cualificou os orzamentos de miserables con respecto á comarca do Morrazo, e especialmente a Marín. Esta localidade recibe un total de 91.196, 60 € en concepto de protección do patrimonio natural e de reparacións no Centro de Servizos Sociais.
Segundo Bieito Lobeira estes orzamentos condenan a Marín a seguir no ascenso das cifras de parados, xa que non hai política de emprego e a parálise total con respecto a áreas como sanidade, deporte, ensino ou infraestruturas.
Pola súa banda a portavoz municipal Pilar Blanco destacou que os orzamentos superan negativamente aos do ano anterior, xa que por riba de non contemplar novos investimentos, elimina os poucos que aparecían nos orzamentos para o ano 2011.
“A escasa partida de 600.000 €, non utilizada, que os orzamentos do 2011 recollían para a construción do Centro de Saúde, desaparece. Isto quere dicir que non haberá Centro de Saúde en Marín no ano 2012. Ademais a memoria dos orzamentos deixa patente que o financiamento de centros sanitarios farase mediante formulas de pago adiado (cofinanciamento público-privado), e entre os centros a construír non aparece ningún no Morrazo, e por suposto o de Marín tampouco”, afirma a portavoz do BNG.
Pilar Blanco tamén destacou que desaparece a partida para o soterramento da Avenida de Ourense, e amosouse especialmente preocupada pola ausencia dunha partida específica para o Convenio de Saneamento nas parroquias asinado polo anterior goberno municipal. “Moito nos tememos que se paralicen os proxectos non licitados ate o momento e non se faga o tanque de tormenta que aliviaría os problemas de desbordamentos no centro urbano”, asegura Pilar Blanco.
Pilar Blanco lembrou que os orzamento non contemplan ningún investimento nos centros de estudo marinenses. “Obras prometidas polo PP como a reparación do pavillón da Laxe, ou as melloras básicas do Colexio Carballal non se farán. Todo o anunciado en campaña electoral pola señora Ramallo queda agora en nada. Os únicos investimentos que haberá en Marín durante o 2012 son os conseguidos polo goberno anterior, que como se está a comprobar nin sequera saben xestionar (obras Arela mobilidade).
A portavoz municipal do BNG adiantou que presentará unha moción que recollerá os investimentos prioritarios en Marín non recollidos nos orzamentos da Xunta, e que espera que sexa aprobada en beneficio de tod@s os marinenses.
Marín, 21 de outubro de 2011












