
Carta publicada no Diario de Pontevedra (31.01.10) na páx. 28 en «Tribuna Aberta»
O RUEIRO MARINENSE
O BNG impulsou por compromiso ético e de dignidade colectiva o cambio do rueiro marinense, até estas alturas non é de recibo que figuren nela o nome de persoeiros vinculados á ditadura, que mataron, que asesinaron, que participaron ou foron complices do réxime franquista. Atitudes do Partido Popular en Galiza como o da Coruña que se nega a condear a figura Millán Astray ou como o de Marín con Calvo Sotelo só demostran a súa incoherencia. É lamentábel e incomprensíbel que existan prazas, rúas e distincións adicadas a persoas que o desmerecen, que existan ainda persoas que poñan en dúbida istos cambios e mesmo cheguen a criticar á máis egrexia personaxe da nosa cultura nacional: Rosalía de Castro.
Desde un principio o Bloque Nacionalista Galego tivo claro que había que chegar a un consenso amplo no cambio do rueiro, por este motivo decidimos deixar varias rúas á marxe “Exército e Mariña” e “Polígono de Tiro Naval Janer” que están afectadas pois se lle concede ese nomenclator na “honra” de seren os entes básicos para o golpe de estado que se realizou en 1936. Nos plenos de cambio do rueiro profranquista atopábase o de Calvo Sotelo por ser un protomártir da causa fascista contra o réxime democrático da República. As dúas rúas anteriormente citadas eran as que considerabamos que poideran dar máis problemas polo descoñecimento xeralizado na veciñanza marinense sobre a orixe das mesmas.
O BNG non formulou sustituir a rúa de “Jaime Janer” no mesmo expedente que o nome das rúas de Bastarreche ou Salvador Moreno, senon que foi froito do consenso entre os partidos políticos de Marín con representación e do que o PP nunca quixo subirse ao carro os que decidiron cambiala por redundancia do nomenclator no rueiro de Marín. Este partido puxo obxeccións á rúa “Calvo Sotelo” cando noutros concellos non o fixo e nin abreu a boca cando a Consellaría de Educación en función da Lei eliminou hai pouco o nome de Calvo Sotelo en Marín da Escola de Educación Infantil “O Grupo”. A única intención que ten o PP é a de ser un lastre a todo o que se fai en Marín. No seu máis rancio estilo e afastado da realidade social marinense usa calquer escusa para facer política, mais algo teremos que dicir os veciños e veciñas de Marín cando eliminan dun sopetón todos os proxectos transformadores que o BNG quixo levar para Marín. Son os mesmos responsabeis da situación dos recheos do porto onde se tivese algo de dignidade a súa Portavoz Municipal debería presentar a súa demisión inmediata, os mesmos que nos orzamentos da Xunta non deixan nin un peso ao Centro de Saúde, en fin os mesmos que levaron a Marín ao ostracismo.
Defendemos desde o BNG a eliminación paulatina do rueiro franquista e militarista. Somos unha forza política pacifista e anti-imperialista e perante os defensores a ultranza da rúa “Jaime Janer” hai que lembrarlles que morreu nunha guerra na que participou entusiastamente e onde o pobo se opuxo de forma contundente, nunha guerra colonialista contra Marrocos. Lembremos a historia na súa xusta medida e non debemos ter un descoñecimento supino do acontecido en Marín, unha historia chea de destrozos como o do monte Pesqueira, o do río Lameira, desgraciada como o do Golpe de Estado de 1936, das expropiacións forzosas (ás veces a punta de pistola) de terreos veciñais para pasalos á propiedade militar ou o do inicio do peche ao mar da nosa vila…Que lle debe logo Marín a Jaime Janer? Unha persoa que se relacionou só cunha parte da sociedade do concello, a pequena e acomplexada burguesía marinense.
Ao Partido Popular pouco lle interesa Jaime Janer senon facer uso deste nome para a confrontación política. Porque a dignidade e a xustiza quédalle lonxe dabondo.
Marín ten que reeencontrarse coa súa historia e consego mesma. Figuras como a de Rosalía de Castro dignifican a unha vila como Marín. A sociolingüista, escritora e compañeira do BNG Pilar García Negro é clara sobre Rosalía de Castro que desde o españolismo negador da existencia dunha realidade nacional galega condenou a nosa literata máis importante: “Faise preciso desentreñar os motivos dunha falsa lenda que ainda hoxe en día envolve a vida e obra de Rosalía de Castro. Cumpre devolver a esta escritora, galega, á verdade da súa produción literaria, ao seu radicalismo e a súa transgresión coma muller librepensadora, poeta, novelista, ensaísta, articulista, actriz…Rosalía representa a esencia e inicio da modernidade galega, é voz e intérprete principal da historia contemporánea de Galiza, a primeira feminista do seu tempo e se cadra da Europa do século XIX. O seu feminismo non foi casual, para nada! foi froito da correlación existente entre a súa posición, filosófica, social e política.”
Celso Milleiro Sánchez, Responsábel Local do BNG