FRANCISCO CARBALLO CARBALLO
Desde as eleccións de marzo sinto unha corrente de malestar no ambiente: a prórroga de motíns nas prazas e as súas manifestación-v.g. as do 19/X-, a caída do estado de benestar, o desánimo da xente do común. Son sinais dun «advento»?
Recollo na memoria algunhas mostras. Dicíame un analista social:-asistín á cea celebrada polo éxito electoral do PP-; máis de 300; todos de máis de 70 anos. Moi arrogantes e moi satisfeitos de voltar ao de sempre, á «longa noite de pedra». Saben que viven de sombras e queren liberarse do medo; renuncian á esperanza.
Dialogaba -á cámara lenta- cun candidato de esquerda. El pensaba: fixemos alianza co PSOE porque é sedicente de esquerdas. E víamos que só lle queda de esquerda o xesto social permisivo; toda a súa proposta económica e cultural é neoliberal. Podíamos superar eses pactos? Pareceunos imposíbel porque a realidade da «Transición» conlevaba e conleva unha carga «tardofranquista» de violencia, clientelismo e clasismo que a democracia formal non pode rachar. A situación social é asfixiante, dun españolismo frenético, dunha mentalidade escurantista. É fácil criticar a nosa traxectoria na «Transición». Mais quen foi capaz de intentar outra agás a da violencia contra a violencia? Agora afloran novos xermolos de denuncia do «reformismo» da Transición. Son botón de mostra a compartir e a darnos azos para unha praxe política propia, sen ataduras..
Penso que a perspectiva de cambio esixe superar os métodos pasados do «socialismo real»e das experiencia revolucionarias do século XIX, en concreto a de París de 1871. Que quere creatividade e combinar a participación política da democracia formal coas experiencias locais de base. Non rende avances a práctica óptima de xestións gubernamentais se non vai unida á praxe económica, cultural, lingüística de experimentacións alleas ao sistema neoliberal. Así a democracia formal non serve para a adquisición dos dereitos da xente do común; esta segue a ser moída polo poder e explotada á diario.
Entre esa praxe «revolucionaria», que non violenta, conto coa utilización coordenada de medios de comunicación. No facebook e semellantes, na prensa, radio, Tv etc. O control dos mass media que ten capacidade de configurar unha sociedade ao teor do sector dominante, non é contradito con artigos neses mesmos medios. Iso é só remendar para que se calme a crítica e non advirta a imposición diaria da ideoloxía dominante que é antipopular, antigalega, antisocial.
Unha entidade social con vontade de saír do sistema, vía non violenta, precisa instrumentar axentes de coordinación das variedades na loita: a política -estritamente falando- de conquista do poder, a cultural de dinamización da mentalidade, a laboral de reivindicación salarial e ambiental. Pensar que un «ente político» pode cargar con tal cometido global sen multiplicar as súas ramificacións dactilares, é someter aos dirixentes político a un empeño imposíbel. A «revolución en marcha», para saír do neoliberalismo e vivir nun mundo humanizado, non se pode abordar só desde o factor «participante» na loita dos parlamentos. Esixe unha más ampla visión da realidade a teren en conta. Realidades a crearen e manteren nos centros da legalidade e nas marxes : «Todo mortal é coma unha herba, e toda a súa beleza coma a flor dunha herba; secou a herba e caeu a flor»(lPe, 1,24); o vento que brúe, leva a flor para frutificar. A flor é o «adventus».



















