Arquivo | Destacado

Sobre o que hai que saber da Lei de Augas

Escrito o 18 Febreiro 2011

Escolma Lei de Augas de Galiza

Emendas BNG sobre a Lei de Augas

A LEI DE AUGAS APROBADA POLA XUNTA CASTIGARÁ ESPECIAMENTE ÁS PERSOAS QUE VIVEN SOAS E AOS PEQUENOS NEGOCIOS
OS USUARIOS PODERÁN CONSULTAR ESTOS DATOS A TRAVÉS DUN BLOG MUNICIPAL COMO LLES VAI AFECTAR A LEI DE AUGAS APROBADA POLA XUNTA.

19 de febreiro 2011.- Lonxe de ordenar o ciclo integral da auga a nova Lei de Augas, aprobada en solitario polo PP, ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadadora da Xunta de Galiza a través de dous novos impostos indirectos: O canon da auga e o canon de vertido que substitúen ao actual canon de saneamento.
A Concellaría de Medio Ambiente está a elaborar un blog, a través do cal os usuarios poderán saber o que lles vai a supoñer economicamente a aplicación desta lei.
Ademais de ter que pagar polos pozos e traídas comunitarias, a lei vai supoñer unha subida de ata máis do 300% nalgúns casos para os usuarios que se sirvan da traída municipal.
O canon da auga, que se aplica por tramos, castiga especialmente aos fogares onde vivan menos de tres persoas, e resultarán particularmente prexudicadas aquelas persoas que vivan soas.
Por exemplo, nunha vivenda na que habite unha soa persoa, cun consumo trimestral de 33 metros cúbicos, o recibo pasará de ser 6,89 € en concepto de canon de saneamento actual , a ter que pagar 26,52 € despois de aplicar o canon da auga e o canon de vertido, os dous novos impostos que crea a Lei de Augas aprobada polo PP.
Caso grave será o dos pequenos negocios con gran consumo de auga como bares ou salóns de peiteado. Un bar cun consumo de 109 metros cúbicos ao trimestre parará de pagar 22,77 € en concepto de canon de saneamento a pagar 78,84 € coa aplicación da nova lei.
A través do blog municipal calquera persoa poderá saber o que lles vai supoñer a aplicación da lei de augas que o PP defende, introducindo os datos do seu recibo nunha táboa excel. Ademais porase a disposición de toda a cidadanía o texto íntegro da lei, un resumo co máis destacado e un modelo de alegación solicitando a derrogación da lei que se poderá entregar nas oficinas da Concellaría de Medio Ambiente.
“Con esta iniciativa pretendemos seguir informando aos veciños de Marín de como lles vai afectar unha lei aprobada en solitario polo PP dende a Xunta , mediante a cal lle van obrigar aos concellos a cobrar dous novos impostos”, afirma a Tenente de Alcalde Pilar Blanco.
“Sabemos que os veciños están seriamente preocupados pola aplicación desta lei. De feito nas últimas semanas lévanse recollido preto de 2000 sinaturas solicitando a súa derrogación. Se o propio Conselleiro di que non vai a aplicar unha lei que el mesmo aprobou o mellor que pode facer é derrogala”.
“Queremos deixar claro que esta é unha lei que se aproba co único afán de recadar cartos, de feito a propia Xunta recoñece no texto do Anteproxecto da Lei de Augas, que dou pe á súa aprobación, que pasará de recadar 33 millóns de euros en concepto de canon de saneamento actual, a recadar 68 millóns aplicando estes dous novos impostos.”
“É impresentable que nos tempos que corren a Xunta lle suba os impostos aos veciños e lles faga pagar por un ben tan necesario como é a auga amparándose, segundo o PP, nunha directiva europea que simplemente di “ que la política de precios del agua proporcione incentivos adecuados para que los usuarios utilicen de forma eficiente los recursos hídricos”, indica Pilar Blanco.

————————————————————————————

A Xunta de Galiza, dirixida polo PP, ven de publicar unha Lei de Augas, que os Concellos terán que aplicar obrigatoriamente así que entre en vigor.
 A pesares de que van ser os Concellos os principais responsábeis de aplicar a lei, en ningún momento a Xunta do PP se dirixiu a eles para consensuar esta lei. Por está razón traemos está moción ao Pleno, porque a pesares de aprobarse no Parlamento Galego, como todas a s demais leis de ámbito autonómico, vai ser o Concello quen a teña que aplicar e os cidadáns e cidadás que na teñan que cumprir e neste caso sufrir.

 Ademais de non consultar nin consensuar cos Concellos, o PP impulsor en solitario da lei, como en ocasións anteriores, non da explicacións e da a calada por resposta ante as queixas de cidadáns e administracións coma se non fóra cousa deles.

 O texto da lei xa foi debatido no Parlamento Galego, onde os partidos da oposición presentaron as súas emendas, e manifestaron a súa oposición a unha Lei de Augas nos termos que pretende o PP e solicitaron a retirada da Lei.

 O Equipo de Goberno deste Concello entende que ten a obriga de solicitar a retirada desta Lei que non foi consensuada e que nos veremos obrigados a aplicar.

 Lonxe de ordenar o ciclo integral da auga a Lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadadora da Xunta de Galiza a través de dous novos impostos indirectos: O canon da auga e o canon de vertido que substitúen ao actual canon de saneamento.

 Unha vez que entre en vigor a lei TODOS os usuarios van ter que pagar o canon da auga. Vai dar igual que teñan unha fonte de subministro pública (auga municipal), unha traída privada ou un pozo, e vai dar igual que teñan servizo de saneamento ou non. Todos imos ter que pagar, polo tanto non se trata dunha taxa pola prestación dun servizo se non dun IMPOSTO SOBRE O CONSUMO, real ou potencial, porque ademais vai haber que pagar sen consuma ou non, xa que a lei leva prevista unha cota mínima que terán que pagar todos os usuarios e usuarias. Noutras palabras aprobase unha lei de augas que castiga que non se consuma auga.

 Resumo canon da auga: o canon da auga substitúe ao actual canon de saneamento, que actualmente só pagan as persoas que teñen este servizo. Este canon aplicaráselle a todas as persoas que consuman auga, sexa cal sexa a súa procedencia. A Xunta obrigara a poñer un contador homologado no prazo de seis meses, e de non instalalo o calculo farase de xeito estimado. Trátase dun imposto indirecto, que non ten en conta a capacidade económica dos contribuíntes.
 Consta dunha parte fixa de 1,50 €/mes (con consumo ou sen el) e doutra variable de- pendendo do consumo. Exemplo: unha vivenda de tres persoas, cun consumo do 14m3/mes, pagaría 3,90 €/mes. Isto significa que unha vivenda de tres persoas pagaría 46,80 euros anuais.

 No caso de Marín, un recibo trimestral de 13,20 € por un consumo de 14m3/mes(42/trimestre), pasará a ser de 24,90 euros despois de aplicarlle o canon da auga imposto pola Xunta.

 No caso de traídas particulares ou pozos, pasaran de non pagar a pagar por non consumir, e para unha vivenda que consuma 42 m3/trimestre suporalle un gasto de 11,70 €.

 Di a lei que o canon da auga se destinará á “dotación dos gastos de investimento, explotación e xestión das infraestruturas que se prevexan” Preguntámonos en que se beneficiaran os propietarios de traídas particulares que cos seus esforzos foron mantendo e estendendo as súas redes de abastecemento. Con que autoridade a Xunta lles vai cobrar una canon por un servizo que os veciños manteñen? En que se vai beneficiar o propietario dun pozo particular? Con que argumentos se lle pode cobrar por non consumir?. En base a que o recibo dun uso doméstico se vai duplicar nos tempos que corren?

 Ademais do canon da auga a Xunta do PP crea o canon de vertido. Este canon pagarano todos aqueles usuarios que pagaban o canon de saneamento. Nesta ocasión con natureza de taxa, mais non se basea, como é obrigado no caso dunha taxa, nun estudo de custes do servizo de depuración, se non que simplemente consiste na duplicación do canon da auga e calculase igual que este. Polo tanto unha vivenda de tres persoas como a do exemplo anterior entre os dous impostos aboará 93,80 € anuais.
 A Xunta vai pasar de recadar 33 millóns polo actual canon de saneamento a 68 millóns de euros, tal e como figura na memoria económica que acompaña ao proxecto de lei. Está claro de onde van saír eses 34 millóns de euros máis, dos petos dos galegos e das galegas, iso é algo que non podemos consentir.
En resumo trátase dunha lei recadatoria que vai supoñer unha suba brutal da carga tributaria aos usos domésticos e especialmente aos residentes no rural.
Por todos estes motivos pedimos a retirada desta lei e que apoien esta moción.

- En contra do que anda a dicir o PP, esta lei, a pesares de ter pasado polo Parlamento e ser ter sido aprobada en solitario polo PP, poden corrixila cando queiran. De feito A Lei do Solo corrixírona ate dúas veces en 18 meses.

Os veciños de Marín ven que o BNG leva adiante aquilo que promete

Escrito o 29 Xaneiro 2011

Os veciños de Marín ven que o BNG leva adiante aquilo que promete. O Diario de Pontevedra entrevistou a Pilar Branco o pasado domingo, podes ver a entrevista premendo aquí: Entrevista Pilar Branco

O BNG enmenda os orzamentos da Xunta con propostas sociais realistas para Marín

Escrito o 18 Novembro 2010

Nunha rolda de imprensa celebrada na Casa da Veiguiña hoxe perante os medios de comunicación e nos que estiveron presentes o deputado do BNG Bieito Lobeira, a Tenente de Alcalde de Marín Pilar Branco e o Responsábel Local do BNG en Marín Celso Milleiro expuxeron as enmendas do BNG relativas a Marín para os orzamentos da Xunta para o 2011.

Hai dúas semanas denunciabamos o trato aldraxante do PP con Marín neses orzamentos. O BNG calificaos de patéticos e onde os compromisos do PP co noso concello non aparecen ou son resisuais.

As propostas que presenta o BNG son perfectamente realizabeis e reais, en materiais moi necesarias para o desenvolvimento do concello: Infraestructuras, ensino, servizos sociais, así como vellas reclamacións como o Auditorio ou o Centro de Saúde.

O PP ten que mover ficha o vindeiro 21 de Decembro no Parlamento de Galiza pois non se pode agochar nunha pomposa auteridade o que son partidas perfectamente realizabeis e necesarias, só vai depender de se o PP ten vontade política.

Estas enmendas coincide coas que vai realizar o Equipo de Goberno Municipal de Marín, que ian ser realizadas xa polo anterior Goberno da Xunta de Galiza, baseadas nos servizos sociais fundamentalmente e das que o PP semella non querer executar.

Moitas delas foron promesas electorais a realizar polo PP como a seguridade vial na Po-313 e na Po-551 nas que falamos de sinalización, beirarúas ou pasos de peóns, as reformas do colexio de Ardán ou da cuberta da pista deportiva do instituto Chan do Monte por poñer un exemplo dos esquecimentos intencionados do PP.

Hai outros como o Auditorio onde o PP non ofrece partidas desde hai 2 anos consecutivos obviando a moción impulsada desde o BNG no Goberno Municipal e apoiada por todos os partidos políticos de Marín (incluido o PP) de que os cartos destinados ao soterramento da Avenida de Ourense vaian destinados a este menester en terreos portuarios.

A cara do PP e da súa portavoz María Ramallo son evidente, tanto que no referente ao Centro de Saúde de Marín a Consellaría de Sanidade resposte por escrito que non vai estar licitado o centro nin para este ano nin para o próximo ano.

Algunhas das enmendas do BNG para Marín aos orzamentos da Xunta para o 2011

- Pista Municipal de Atletismo
- Auditorio de Marín
- Seguranza vial na estrada Po-313 (Marín-Moaña)
- Seguranza vial na estrada Po-551 (Mogor-Seixo)
- Parque Empresarial de Marín
- Reforma no CEIP de Seixo
- Construción do Ximnasio no CEIP de Ardán
- Reforma no Instituto Chan do Monte
- Centro de Saúde de Marín
- Construción, acondicionamento e posta en funcionamento do Centro de Día en Marín
- Construción, acondicionamento e posta en funcionamento da Escola Infantil de Seixo

Manuel Ruibal deixa a política Institucional

Escrito o 29 Xullo 2010

O BNG anunciou o abandono da política institucional por parte do Portavoz Municipal Manuel Ruibal Pardavila por motivos estrictamente persoais.
A Asemblea Local do BNG lembra a calidade humana de Manolo Ruibal e a valentía que demostrou ao presentarse como candidato ás eleccións municipais no 2003 (despois das fendas internas acontecidas durante os 4 anos anteriores) logrando uns resultados sorprendentes. A boa labor que desenvolveu o BNG liderado por Ruibal fixo que medrara os resultados ao acrecentar nun 33% a base electoral e a consecución de 2 actas máis até acadar 5 concelleiros.
Grazas a eses resultados, o BNG entraba a formar parte no 2007 do Goberno Municipal de Marín asumindo Ruibal a Tenencia de Alcaldía e as delegacións de Turismo, Comercio, Promoción Económica e Vivenda. Durante todo este tempo empezouse a visualizar o traballo desenvolvido: a potenciación das escolas deportivas, o regulamento de uso de instalacións deportivas, a creación da festa da canción mariñeira, a construcción dun ecoparque, etc, sen esquecer o traballo realizado en materia social como a construción de centos de vivendas de Protección Oficial, proxecto que foi paralizado polo Partido Popular dentro da política antisocial deste partido.

A Asemblea Local do BNG acordou que Andrés Xesteiro entrase como novo concelleiro asumindo a delegación de Deportes e a representación do BNG no concello na Autoridade Portuaria. A Compañeira Pilar Branco asumirá a Tenencia de Alcaldía e a delegación de Turismo, que compaxinará coa súa magnifica labor na Concellaría de Medio Ambiente. O Compañeiro Xosé Mª Vilaboa asumirá Comercio.

Manolo Ruibal seguirá traballando arreo cos compañeiros e compañeiras do Grupo Municipal do BNG pois non abandona o seu traballo orgánico xa que segue formando parte do Consello Local e do Consello Comarcal.

O BNG esixe no Parlamento Galego que a Xunta constrúa un novo Centro de Saúde en Marín

Escrito o 06 Maio 2010

Bieito Lobeira advirte de que “o actual está desbordado” e denuncia que “a volta do PP ao Goberno supuxo a paralización do novo centro de saúde”

 

Santiago de Compostela, 6 maio 2010.- O BNG ven de presentar no Parlamento Galego unha proposición non de lei pola que insta á Xunta de Galiza a construír un novo centro de saúde en Marín.

Os deputados do BNG Bieito Lobeira e Ana Luisa Bouza salientan que a reivindicación nun novo centro de saúde para Marín “é xusta e unánime, e responde a un criterio social elemental, segundo o cal non é lóxico que un concello de 26.000 habitantes padece un claro déficit en asistencia sanitaria”.

O actual centro de saúde presenta numerosas deficiencias e está desbordado

Así, os parlamentarios nacionalistas denuncian que o actual centro de saúde non cumpre coa legalidade vixente en materia de accesibilidade. A maiores, advirten de que “está situado na rúa da Estrada, nunha costa moi pronunciada que dificulta o acceso de vehículos, mais tamén a pé, de persoas con minusvalías ou con problemas de mobilidade derivados da súa idade”.

A demais, advirten de que “a atención de urxencias está no primeiro andar, cando o lóxico é que debera estar situada no andar de acceso (…) e en definitiva é posíbel comprobar como o número de xente que acode ao actual centro de saúde desborda amplamente a súa capacidade orixinal”.

A volta do PP á Xunta supuxo a paralización do novo centro de saúde

Neste sentido, Bieito Lobeira e Ana Luisa Bouza lembran que, “a fin de resolver este problema, o pleno do concello de Marín aprobou o 8 de maio de 2009 ceder gratuitamente ao SERGAS a parcela nº24, de 2.500 metros cadrados, sita na urbanización Virxe do Carme, para darlle cumprimento a un protocolo de cooperación asinado meses antes coa Consellaría de Sanidade para a construción dun novo Centro de Saúde”.

Sen embargo, os deputados do BNG denuncian que “a chegada do PP ao Goberno da Xunta supuxo a paralización deste proceso”. Deste xeito, nos Orzamentos da Xunta para 2010 “non se recolle ningunha partida para o novo Centro de Saúde de Marín e non existen indicios de que esta infraestrutura tan necesaria sexa unha realidade”.

 

Iniciativa do BNG

Ante esta situación, o BNG presentou unha Proposición non de Lei no Parlamento Galego pola cal insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas para a construción en Marín dun Centro de Saúde de titularidade e xestión públicas, iniciando as obras no presente 2010, de acordo ao Plano Funcional xa elaborado, e que incluirá un Punto de Atención Continuada (PAC)”.

Ademais, o BNG demanda que o novo centro de saúde contemple, como mínimo, as seguintes dotacións e servizos: quince consultas en medicina xeral; quince dependencias asignadas a enfermería; catro consultas de pediatría; catro consultas de enfermería pediátricas; dous polivalentes de pediatría; unha consulta de matrona; unha dependencia de educación maternal; unha zona de radioloxía; unha área específica de atención á muller ou catro consultas para médicos residentes, entre outras.

Iniciativas parlamentares do BNG co Centro de Saúde de Marín: Centro Saúde Marín PreguntaCentro Saúde Pregunta-e e Centro Saúde Marín Proposición

Manuel Ruibal presenta o Plano de Dinamización Comercial de Marín

Escrito o 26 Abril 2010

 

O pasado mércores 21 de abril de 2010 foi presentado publicamente o Plan de Dinamización Comercial de Marín, enmarcado dentro do Proxecto Arela.

A presentación correu a cargo de Manuel Ruibal, Tenente de Alcalde e Concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Vivenda e Deporte, xunto con Pablo López, xerente da empresa Proxectos, Consultoría e Formación, SL e Noa Casas, responsábel do Punto de Información ao Comercio (PIC).

O Plan de Dinamización Comercial de Marín ten como principal obxectivo a dinamización da economía local a través da posta en marcha de diferentes accións de promoción e dinamización comercial que estimulen a oferta comercial do pequeno comercio do Concello, atraendo demanda cara ao comercio polo miúdo do núcleo urbano.

Entre as accións a desenvolver, destácase:

- Punto Outlet: Acción central do Plan consistente en que os comerciantes dediquen un espazo da súa sala de vendas a produtos a menor prezo. Neste caso o Punto Outlet estará dentro dos propios estabelecementos comerciais, non existindo un lugar no que se concentre toda a oferta, un punto central do outlet. Realizarase cunha periodicidade semestral en maio e novembro de 2010 e abril de 2011.

- Tapas de sumidoiro: Intervención artística sobre as tapas de sumidoiro do núcleo urbano de Marín co obxectivo de converter as rúas de Marín nun punto de atracción para as persoas. Celebrarase un concurso para a selección da tapa gañadora coa correspondente entrega de premios. Desenvolverase en xuño e xullo de 2010.

- Ven e descubre Marín: Campaña publicitaria e promocional que busca vincular a hostalaría e o comercio de Marín e atraer visitantes de outros puntos de Galicia, mediante o sorteo de paquetes vacacionais. Celebrarase en xullo e agosto de 2010.

- I Xornadas Medioambientais: Teñen como obxectivo a concienciación medioambiental de todos os cidadáns do Concello así como a promoción do comercio xusto. Desenvolverase en agosto de 2010.

- Festa da Canción Mariñeira: Consiste na exaltación da canción mariñeira a través dun concurso de rondallas durante a celebración desta festa gastronómica. Celebrarase en setembro de 2010.

- Raid fotográfico “Aventúrate en Marín”: Concurso de fotografías centrado na temática do comercio e da hostalería de Marín a través dun percorrido polas rúas e establecementos de Marín. Desenvolverase en outubro de 2010.

- 20 días de compras por Marín: Coas mellores fotografías da promoción “Aventúrate en Marín”, farase unha exposición pública e elaborarase unha Guía comercial de Marín. Estas actuacións complementaranse coa realización de actividades ao longo de 20 días para dinamizar as zonas comerciais de Marín mediante actuacións musicais e circenses na rúa, reforzando a presenza do comercio na vida da vila a través da oferta de actividades de ocio. Terá lugar en outubro de 2010.

- Campaña Consumo: Campaña informativa coa que se pretende conseguir que os cidadáns teñan información relativa aos dereitos e prácticas de consumo no referente ás actividades de promoción de vendas. Desenvolverase en xaneiro e febreiro de 2011

- Coñece o mercado: Esta acción, dirixida aos máis pequenos do concello, comparte unha orientación pedagóxica e outra comercial, estruturándose a través de obradoiros nutricionais e visitas ao Mercado Municipal de Marín. Celebrarase nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2011.

- Outdoor de consumo responsable: Xogo que complementa á actividade anterior no que as familias terán que aprender como facer unha compra saudábel no mercado e como traballar en equipo para superar as diferentes probas que se lles presentarán nos estabelecementos comerciais de Marín. Desenvolverase no mes de marzo de 2011.

- Sumapremios.net: Sorteo de vales de compra a través do espazo web do Plan para incrementar as vendas dos comercios locais e buscar o tráfico informativo a través do espazo web do proxecto. Celebrarase de xaneiro a abril de 2011.

- VI Feira do libro de Marín: Trátase dunha feira do libro diferente na que se propoñen múltiples actividades como un Escaparate libreiro, con escenificacións nos escaparates das librarías de Marín, así como actuacións teatrais, que farán deste evento unha ineludible cita coa cultura, a diversión e a animación das rúas. Terá lugar en abril de 2011.

Ademais abrirase un Punto de Información ao Comercio (PIC) a finais do mes de abril que prestará apoio a todo o tecido comercial do Concello, a futuros emprendedores e á clientela. As funcións a desenvolver dentro do PIC son asesorar a emprendedores e profesionais en activo que queiran montar unha empresa ou mellorar a existente, así como planificar, coordinar, executar, e facer o seguimento e control das accións de dinamización a desenvolver dentro do Plan.

Finalmente, crearase un blog para o Plan de Dinamización Comercial de Marín adaptado á filosofía 2.0, que terá entre as súas funcións, comunicar e difundir as diferentes accións a desenvolver dentro do plan así como permitir a participación nas accións a través do espazo web, ademais de ser un punto de encontro entre os seus visitantes a través das redes sociais.

Co BNG no Goberno Municipal de Marín apróbase provisionalmente e por 1ª vez o PXOM

Escrito o 23 Abril 2010

 

 

O PXOM DE MARIN APROBASE PROVISIONALMENTE DESPOIS DE SUPERAR O INFORME DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DA XUNTA DE GALIZA

O Goberno Municipal de Marín ven de someter á aprobación provisional, por parte do Pleno da Corporación, o documento do Plan de Ordenación Municipal (PXOM).

No Pleno urxente e extraordinario do pasado martes día 20 de abril, aprobouse este documento, co voto a favor dos grupos de goberno (BNG  e PSOE), do PP e dúas abstencións de MAR-IN.

Previamente a esta aprobación o PXOM fora remitido á Consellería de Medio Ambiente , xunto coa memoria medio-ambiental do mesmo, para sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

O día 16 tivo entrada no concello a resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se aproba a Memoria Ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín.

A aprobación provisional do PXOM é o resultado dun traballo constante e continuo da Concellaría de Urbanismo de Marín, dirixida por Xosé María Vilaboa. O BNG marcarase como un dos obxectivos prioritarios deste mandato aprobar o PXOM de Marín. Despois de pasar dúas exposicións públicas, nas que todas aquelas persoas que quixeron alegar o fixeron, podemos dicir que este é un documento referendado pola inmensa maioría do pobo Marín que reclama a aprobación do PXOM.

Ademais o propio día 20 tamén tivo entrada no Concello o informe favorábel do organismo Augas de Galiza sobro o documento do PXOM.

Durante o transcurso do Pleno, Xosé María Vilaboa, destacou que esta aprobación chega xusto a tempo para que o documento do PXOM non se vexa afectado pola entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galiza que entrou en vigor o día 21 deste mes. Ademais o concelleiro nacionalista rexeitou as críticas dos partidos da oposición, que esquecendo que esta aprobación provisional viña sendo reclamada por eles, preocúpanse agora das presas en celebrar este pleno extraordinario.

Agora queda por diante obter o informe favorábel do Servizo de Costas do Estado, o cal  é preceptivo e vinculante, e sen o cal non se pode enviar o documento á Xunta para  que será a  aprobación definitiva do PXOM  de Marín.

Tamén queremos destacar a numerosa presenza de público no salón de plenos para apoiar esta aprobación, a pesares de que moitos non puideron entrar  a causa das limitacións do aforo.

Inagurado o Ecoparque de Marín, o primeiro de Galiza

Escrito o 01 Abril 2010

Manuel Ruibal Pardavila. Tenente Alcalde de Marín e impulsor do Ecoparque

Os proxectos do BNG para Marín fanse realidade, outro máis e desta volta co Ecoparque, o primeiro de Galiza.

.

Non hai que entender esta infraestructura como unha cuestión puntual dentro do programa político do BNG, senon que forma parte do proxecto sustentábel de potenciación do turismo rural e da posta en valor da riqueza natural e paisaxística do Concello.
A este proxecto abandeirado polo noso compañeiro e Tenente Alcalde Manuel Ruibal, súmase ao xa existoso premio recibido pola xestión medioambiental nas praias de Marín, do esforzo pola rcuperación dos nosos ríos, da nosa fauna, a protección e recuperación do ecosistema, a recuperación do Patrimonio Etnográfico (fontes, lavadoiros…), das rotas de sendeirismo, do Patrimonio Cultural e Arqueolóxico (Castro da Subidá, Mámoas, petróglifos), etc.

Seguimos traballando por Marín.

Vista Aerea da superficie do Ecoparque

Web oficial: ECOPARQUE MUNICIPAL DE MARÍN

Artigos relacionados: Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, La Voz de Galicia, El Progreso, ABC

Marín padece a aldraxe da Xunta do PP

Escrito o 16 Marzo 2010

“VALORACIÓN DUN ANO DE GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA”

A chegada ao poder do Partido Popular á Xunta de Galiza traeu consego unha rebaixa dos dereitos sociais adquiridos nos últimos tempos. En vez de construir, adicáronse neste último ano a desfacer todo o habido e por haber, tendo como obxectivo principal favorecer intereses espúreos e achegados ao círculo do Partido Popular.
Imos lembrar os casos máis importante e sangantes:

- A anulación da gratuidade dos libros de textos.
- Normas do Habitat, concedéndolle permisos aos concellos para autorizar excepcións. O que é unha cesión ás presións exercidas por certos promotores.
- Suspensión do Decreto Eólico, paralisando este sector emerxente da economía galega, para favorecer ás empresas non galegas.
- Derogación do Decreto do Galego aprobado e consensuado por todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza e disminuindo considerabelmente as partidas dedicadas á normalización lingüística, nin Fraga se atreveu a tanto. Sen lugar a dúbidas amosan unha galegofobia que nunca antes se mirara no Partido Popular.
- Apoio á privatización da Sanidade, como no caso do Hospital que queren construir en Monte Carrasco (Pontevedra) e ademais disminuindo os recortes orzamentarios.
- Escasa atención a outro servizo social como é a educación, favorecendo o ensino privado.

O PP continúa coa política de desmantelamento dos avanzos logrados polo BNG durante o Bipartito, prexudicando gravemente ao País e favorecendo os seus amigos. O actual goberno da Xunta está nunha situación absoluta de parálise e de inacción, carecente de propostas que den solucións á crise que padecemos, incapaces de modificar e impulsar o modelo produtivo, de apostar polo investimento do coñecimento e de investigación, dos investimentos en pesca e no medio rural. Desde logo non cren nas potencialidades do País e só poñen nunha bandexa a Galiza para que outros e non o pobo saquen proveito. O PP deixa claro que que a súa acción de goberno basease na privatización dos servizos públicos e a desprotección dos sectores máis desfavorecidos.

No relacionado co concello son moitos os temas que quedan sen tratar:

- Centro de Saúde. Desde o Concello fixo o seu labor, púxose a dispor do Concello terreos e desde a Xunta de Galiza nen tan sequer orzamentaron esta actuación. O PP mesmo chegou a votar en contra da enmenda que o BNG levou neste sentido ao Parlamento de Galiza.
- Polígono Empresarial. Fíxose un grande esforzo e retiramos a proposta que había e buscamos o consenso entre todas as forzas políticas. Observamos a carencia de proxecto do PP cando se visualiza contradiccións internas entre as propostas da Autoridade Portuaria de Marín e alternativa dun chan industrial nos lindes entre Moaña e Marín.
Namentres os concelleiros do BNG traballan e realizan estudos de necesidade de chan empresarial en Marín e que formularemos a Xestur.
- Avenida de Ourense. Este proxecto tan necesario para a nosa vila, xa non lles vale ao PP.
- Seguranza Vial na Po-313 e Po-551. O anterior Goberno da Xunta deixou un proxecto a desenvolver mais esta paralisado e curiosamente ainda está sen retirar o Plano VIGO INTEGRA, do cal de opuxo tanto o PP.
- Proxecto Saneamento Integral nas parroquias de Marín. Este Plano tan importante para conseguir unha maior calidade de vida para os veciños e veciñas do rural marinense atópase co agochamento por parte do PP. A Concellaría de Medio Ambiente de Marín cumpriu con todos os requisitos que se lle encomendou mais durante este tempo non recibimos resposta desta Xunta do PP. Por qué non recibe o Conselleiro de Medio ambiente aos representantes municipais (Alcalde e Concelleira)? Por qué non fan caso a este proxecto cando mesmo está refrendado pola Portavoz Municipal do PP? Cal é o compromiso? Outro caso onde visualizamos a verdadeira faciana do Grupo Municipal do PP.
Esgotada xa a vía “diplomática”, buscarase outras vías para que este proxecto tan prioritario socialmente se leve a cabo.
- Vivendas Públicas no Carballal. O estado de abandono do lugar é importante, mais está cada vez máis claro que a demanda de vivenda pública e de servizos sociais non ten importancia para o PP.

O PP de Marín só busca os votos, só existe a veciñanza cando hai eleccións máis non respectan ao povo de Marín. Durante este tempo non se plasmou na realidade do municipio os proxectos que desde o Concello de Marín se lle formulou á Xunta. Namentres outros concellos de Galiza benefícianse, aquí o PP cala e otorga.
O BNG demanda que a Xunta reciba aos representantes do Concello de Marín porque nin co Bipartito nin co Goberno de Fraga temos padecido semellante aldraxe.

En Marín, a 15 de Marzo do 2010.

Asdo: O Responsábel Local e o Grupo Municipal do BNG en Marín

O POL non respecta a ordenación urbanística recollida no PXOM

Escrito o 01 Marzo 2010

O Concello de Marín ven de recibir o Plan de Ordenación do Litoral elaborado pola Xunta de Galiza actualmente en mans do PP. A continuación ábrese un período de consultas durante o cal o Concello poderá presentar as alegacións que consideres pertinentes.

Este Plan, que en principio nace para protexer a costa, na realidade non ten en conta o PXOM e limita gravemente o crecemento de Marín.

Desde a Concellaría de Urbanismo, dirixida polo nacionalista Xosé María Vilaboa, vense de facer un primeiro analisis sobre a afección deste plan no noso termo municipal.

O POL chega a afectar unha franxa de 3 quilómetros ata o interior de Marín, de xeito que, por exemplo, chega ate a Cruz de Rolan en Pastoriza (Ardán ).
A Xunta de Galiza non tendo en conta a realidade delimita unha franxa chamada de Mellora ambiental e paisaxística que deixa afectadas e en situación de inseguridade xurídica a milleiros de vivendas e empresas o longo da nosa costa.

Este Plan do litoral tampouco respecta a ordenación urbanística recollida no PXOM. Por exemplo, mentres no PXOM zonas como a de Mogor aparecen clasificadas como urbanas, de aprobarse o Plan proposto polo PP tería que ser clasificadas como rústicas, o mesmo ocorre coa zona de Seixo.
Outra das consecuencias sería a imposibilidade de crecemento do solo urbano de Marín, xa que delimita un corredor ecolóxico no lugar da Laxe e clasifica como bosque a protexer unha ampla zona de Raposeiras. Hai que recordar que estas zonas son vitais para posibilitar o crecemento de Marín tal como recolle o PXOM.

Outra das preocupacións que manifesta o Edil de Urbanismo e situación de precariedade na que quedarían moitas das empresas afectadas por este Plan do Litoral.

Este Plan imposibilitaría tamén poder dotar na zona de Seixo de dotacións tan importantes como un campo de fútbol ou o pavillón polideportivo, xa os terreos quedan dentro de un corredor ecolóxico.

Finamente, o edil nacionalista manifesta a súa preocupación pola posible aprobación dun Plan do Litoral elaborado sen ter en conta en absoluto o traballo realizado desde o Concello, e recollido no PXOM que está actualmente na xunta de Galiza para súa valoración medio ambiental, para a continuación pasar ao tramite final de aprobación definitiva. En este sentido o próximo dia 5 o Concello manterá unha reunión coa Xunta a fin de transmitirlle todas estas preocupacións.

O Concelleiro Delegado de Urbanismo

Xosé María Vilaboa Ramos

1 de marzo de 2010

Procurar

Contacto

Podes contactar co BNG Marín a través do seguinte enderezo: marin -arroba- bng-galiza.org

En Facebook

Webs BNG (O Morrazo)

Aviso legal

O BNG de Marín non se fai responsábel dos comentarios verquidos por persoas alleas.