Arquivo | Destacado

O BNG convoca unha reunión veciñal para informar sobre o estado das obras do Arela e a tramitación do ARI

Escrito o 08 Febreiro 2012

Pilar Blanco afirma que o BNG pon todos os seus medios a disposición dos residentes afectados

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Pilar Blanco, informa de que o BNG convoca de novo aos veciños/as residentes nas rúas afectadas polas obras do proxecto Arela Mobilidade, e aos residentes na zona declarada Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico de Marín.
A reunión terá lugar o mércores 8 de febreiro, ás 20.30 da tarde no local do BNG na Praza da Veigüiña número 7.
Ante a recente rescisión por parte do grupo de goberno municipal das obras Arela Mobilidade, e ante a falta de información aos auténticos afectados que son as persoas que residen ou ostentan un negocio nestas rúas, o BNG convoca unha reunión no seu local da Praza da Veigüiña número 7, na cal valoraremos as consecuencias que pode ter esta anulación do contrato e que medidas se poden tomar por parte dos afectados.
Neste momento, despois de máis de seis meses en obras, as rúas abertas están sen rematar e as molestias e prexuízos causados aos a veciños residentes e comerciantes non sabemos cando cesarán nin como se indemnizarán. É practicamente seguro que a empresa adxudicataria recorra ao xulgado por non estar de acordo co Concello, e todos sabemos o tempo que se pode alongar a solución dunha causa xudicial.
Segundo informou a Alcaldesa a empresa pode seguir adiante coas obras mentres non se rescinda o contrato, o cal sen dubida vai causar molestias e problemas aos veciños, que a día de hoxe non teñen ningún tipo de información por parte do Concello, o cal supón un desprezo en toda regra aos afectados directos desta situación.
Durante a reunión tamén daremos unha ampla información sobre a declaración da Área de Rehabilitación Integral do Casco Antigo de Marín. Dende o BNG consideramos que o ARI é unha oportunidade para reactivar a estancada economía de Marín, sobre todo no castigado sector da construción. As axudas, que poden chegar ate 10.000 euros, van orientadas a subvencionar melloras da calidade de vida nas vivendas que suporán na práctica a contratación de obra a pequenos empresarios da vila dedicados á albanelería, carpintería, fontanería, electricidade, e todo tipo de actividade empresarial relacionada coa rehabilitación de vivendas.
Para que o ARI se materialice na práctica canto antes, é preciso que dende o goberno municipal se axilicen todos os trámites previos, cousa que non está a ocorrer.
“Nestes momentos tiña que estar xa aberta ao público a oficina de rehabilitación e información dentro do ámbito de actuación. Para o goberno tería que ter alugado un local e contratado persoal técnico e aínda non fixo nada”, afirma Pilar Blanco.
“Dende o BNG faremos un seguimento constante da tramitación do Ari por parte do Concello, xa que, despois de comprobar como se está a xestionar o proxecto Arela, moito nos tememos que ocorra algo parecido co Ari, e Marín non pode perder unha oportunidade como esta de obter fondos destinados á construción e de crear emprego”, asegura a edil nacionalista.
Marín, 7 de xaneiro de 2012

O BNG cualifica de fraude a Marín o Plan Empresarial da Xunta

Escrito o 18 Xaneiro 2012

Pilar Blanco amosa a súa inquietude sobre os efectos que terá no PXOM en trámite

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, cualifica de fraude a Marín o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais aprobado polo Consello da Xunta.
A voceira do BNG lembra que o propio Núñez Feijóo, en campaña electoral das municipais, anunciou en Marín que a Xunta faría un polígono industrial en Pastoriza de máis dun millón de metros cadrados, avalando a proposta do PP de Marín e da agora alcaldesa María Ramallo.
Hai que lembrar que a agora alcaldesa, estando na oposición, chegou a presentar unha moción ao Pleno propoñendo que o goberno local investise máis dun millón de euros, do II Plan E, en infraestruturas no monte de Pastoriza, para adiantar os pasos que daría logo a Xunta.
O Plan aprobado pola Xunta do PP, clasifica como inviables todos os polígonos recollidos no PXOM de Marín agora en trámite, e despraza o polígono de Pornedo cara a Pontevedra, de xeito que o termo municipal de Marín queda, practicamente, sen chan empresarial.
“Tendo en conta que os cálculos económico- financeiros e a avaliación ambiental estratéxica do PXOM se sustentan en base ao crecemento poboacional, e que este está directamente vinculado ao tecido empresarial e industrial, este Plan pon en serio perigo a tramitación do PXOM de Marín”, afirma Pilar Blanco.
Ao mesmo tempo que se declaran inviables os polígonos de Pornedo e Pastoriza, a Xunta cualifica de 8 sobre 10 o polígono de Vilaboa ligado ao Porto de Marín, proposto por Telmo Martín no 2010.
“Mentres a señora Ramallo permanece impasible ante a decisión da Xunta, Telmo Martín afirma que o polígono de Vilaboa será o porto seco que Marín necesita para emprazar as empresas incluídas nos 350.000 metros cadrados que o Tribunal Supremo declarou ilegais”.
“Se atamos cabos todo indica que a estratexia da Xunta, coñecida pola señora Ramallo, é beneficiar a Telmo Martín a través da impulsión público-privada do polígono de Vilaboa proposto por el mesmo”, afirma a concelleira nacionalista.
O estudo encargado pola Xunta, no que se basea a aprobación deste Plan de Áreas Empresariais para Galicia, empezouse a elaborar a principios do ano 2010 . En Marín só entrevistaron a cinco empresas, tres delas do Porto.
A propia Alcaldesa recoñeceu no pleno celebrado o pasado venres, que antes da aprobación por parte do Consello da Xunta, tivo conversas co Director Xeral de Vivenda e co Conselleiro de Industria sobre o seu contido, polo tanto era sabedora do contido do Plan e nin o deu a coñecer nin fixo nada ao respecto.
“A alcaldesa do mesmo Partido Popular ao que pertence o señor Telmo Martín e que dirixe a Xunta de Galicia, non pode limitarse a presentar alegacións coma se fóra un veciño máis ou un partido na oposición”. “Se Marín se vai quedar sen chan industrial temos dereito a sabelo, e a que a señora Ramallo nos diga en que se van quedar as súas promesas electorais de facer un polígono industrial en Pastoriza”, continúa Pilar Blanco.
Marín, 18 de xaneiro de 2012

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao

Escrito o 07 Decembro 2011

125 aniversario do nacimento de Daniel Castelao

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao, é un vídeo editado polo BNG para conmemorar o 125 aniversario do nacemento do pai do nacionalismo galego.

Grazas ao BNG Marín tamén terá voz no Congreso

Escrito o 21 Novembro 2011

Os votos do BNG contiveron a avalancha da dereita en Marín

A portavoz do BNG, Pilar Blanco, amosa o seu agradecemento a todas aquelas persoas que en Marín tamén optaron por votar BNG nas eleccións xerais ao Congreso.
“O BNG en Marín foi quen de conter a avalancha da dereita e incluso de subir a porcentaxe de voto con respecto ás anteriores eleccións xerais do 2008”. “Isto foi posible grazas á entrega da militancia do BNG, pero tamén de moitos e moitas simpatizantes que nós deron o seu apoio e traballaron durante a campaña para que o BNG se afianzara como a forza de esquerdas disposta a combater a política de dereitas do PP”, afirma a portavoz nacionalista.
“A cidadanía percibiu que o BNG non se rende e está disposto a combater as políticas de dereitas e a traballar por Galiza e polos dereitos conseguidos co esforzo de todos como a educación e a sanidade”. “A xente sabe que o BNG traballará ao lado dos que padecen a crise e non dos que a provocan”, asegura Pilar Blanco.
“Respectamos os resultados electorais pero sabemos cal é o noso papel e o que a xente espera de nós, a defensa de Galiza e dos intereses e dos dereitos dos galegos e galegas”. “Marín, como ate agora, tamén terá voz no Congreso porque dende o BNG traballaremos conxuntamente con Olaia Fdz Davila, a nosa deputada, para defender os intereses do noso municipio”, finaliza Pilar Blanco.
Marín, 21 de novembro de 2011

Mitin en Marín, 9 de Novembro na Biblioteca Municipal

Escrito o 07 Novembro 2011

MÉRCORES DÍA 9 DE NOVEMBRO MITÍN DO BNG EN MARÍN ´
ÁS 20.30 H. NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
CON:
PILAR BLANCO
FRANCISCO RODRÍGUEZ
XAVIER MÍGUEZ
IRIA ABOI

unic

O BNG insta á Xunta a construir urxentemente unha escola infantil en Seixo

Escrito o 27 Outubro 2011

O BNG insta á Xunta a construir urxentemente unha escola infantil en Seixo e denuncia a falla de vontade política do Goberno galego para desenvolvela.
O Grupo Parlamentar nacionalista propón, como xa o fixera o anterior goberno municipal de Marín, que se faga na Casa dos Mestres de Seixo.
Podes ollar as iniciativas premendo en: Galescola de Seixo e Galescola de Seixo 2

O BNG convoca unha concentración contra a reforma da Constitución en Pontevedra

Escrito o 29 Agosto 2011

O BNG convoca unha concentración contra a reforma da Constitución en Pontevedra mañan martes 30 de agosto ás 20:30 horas diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

O BNG levará ao Parlamento iniciativas para debater na Galiza este proceso que agudizará a política de recortes sociais

Santiago de Compostela, 29 Agosto 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co grupo parlamentar nacionalista na cámara galega para preparar o curso político que comeza e no que, tal e como indicou o número un do nacionalismo galego, “o BNG vaise visualizar como alternativa ás políticas do PP en Galiza e tamén aos fíos que moven a política no Estado”.

O número un do BNG afirmou esta mañá en rolda de prensa que a proposta de reforma da Constitución que se materializa esta semana no Congreso dos Deputados é “antidemocrática, antisocial, antigalega e inútil” e animou aos galegos e galegas a sumarse ás concentracións convocadas polo BNG mañá, martes, ás oito e medida da tarde, nas sete cidades galegas en protesta por esta medida e en demanda dun referendo.

O líder nacionalista indicou que o problema fundamental de Galiza é “o défice de autogoberno que se vai ver limitado aínda máis con esta reforma”, ao tempo que subliñou que o BNG vai “defender outra política económica absolutamente diferente da que levan adiante o goberno central e galego”.

Sobre o executivo galego, o portavoz nacional dixo que “demostra tanta incompetencia como impotencia e pretende non estar, non aparecer como responsábel de tomar medidas para solucionar os problemas dos galegos e galegas”.

Guillerme Vázquez dixo que con esta reforma “máis alá de cuestións puntuais, PP e PSOE demostran que comparten as cuestións de fondo, os seus principios fundamentais”.

Entre as consecuencias que terá esta medida, o portavoz nacional indicou que “volve limitar a capacidade real de autogoberno de Galiza ao limitar a capacidade de gasto das comunidades autónomas”.

O líder do BNG afirmou de xeito rotundo que a reforma constitucional para limitar a débeda pública é inútil porque “vai dirixida exclusivamente a calmar aos especuladores” e advertiu de que “o défice cero é autonomía cero” e acusou ao goberno estatal de actuar “a calzón quitado frente aos poderes da dereita”.

Por outra parte, o portavoz do G.P do BNG, Carlos Aymerich, anunciou que en canto comece o período de sesións presentarán unha iniciativa na Cámara para que o goberno do PP dea contas do impacto que a reforma “exprés” da Constitución vai ter en Galiza e abrir o debate sobre as súas consecuencias tanto democráticas como económicas para os galegos e galegas.

Aymerich advertiu de que a dita reforma, consensuada polo PSOE e o PP no Estado, vai significar a desaparición da autonomía financieira de Galiza, pois vai someter os seus orzamentos ao Estado e vai agudizar a política xa iniciada por Feijóo de recortes, privatización de servizos públicos e novas restriccións.

Neste sentido, o portavoz parlamentar explicou que comeza un período de sesións marcado pola campaña electoral,durante o que só unha única forza política pode dicir que defende o mesmo en Galiza que no Congreso e o Senado: o BNG, fronte a un goberno do PP que anuncia orzamentos aínda máis restrictivos e a un PSOE que vai da man dos populares en asuntos tan fundamentais como as contratacións laborais, non gravar as grandes fortunas, manter as Deputacións e esa reforma da Constitución.

Para Aymerich, o consenso que reclamaba o portavoz do Partido Popular hai uns días, para desenvolver este período de sesións á marxe da contenda electoral e poder aprobar distintas leis “do PP”, ironizou, terá que buscalo co PSOE, “pois hai campo dabondo para iso”, como se ten demostrado, reiterou.

Sobre as declaracións aparecidas hoxe nun medio de comunicación do voceiro do grupo do PP, Pedro Puy, nas que afirmaba que “Galiza sairá antes da crise porque aplicou antes os recortes”, Aymerich dixo que esa afirmación debe ser unha “cuestión de fe”, pois os galegos o que están experiementando antes, precisamente, son as consecuencias deses recortes e dunha politica fiscal regresiva e inxusta.

CAMBIOS GRUPO PARLAMENTAR

Os dous voceiros do BNG informaron tamén dos cambios que se van dar no Grupo Parlamentar nacionalista logo da renuncia de Anxo Quintana á súa acta de deputado e de membro da Mesa.

En canto ao posto para a Vicesecretaría Segunda da Mesa, o BNG proporá á deputada Carme Adán e o deputado que entrará en sustitución de Quintana, ao correrse a lista pola Coruña, será Fernando Branco Parga, que xa foi parlamentar durante a lexislatura pasada.

O BNG agarda que no primeiro pleno deste período se consumen ditos cambios.

O BNG agradece aos seus votantes a confianza amosada o 22 de Maio

Escrito o 25 Maio 2011

Desde o BNG queremos agradecer aos veciños e veciñas de Marín a confianza amosada no noso proxecto político, 1686 votos e o aproximadamente o 14%. Tomamos boa nota do acontecido, analisando nidiamente o que o povo de Marín expresou nas urnas.
Por outro lado, estaremos vixiantes desde a Oposición fiscalizando ao novo Goberno Municipal que se vai formar cos 3 concelleiros que formaran o Grupo Municipal do BNG.

Moitas grazas!!!

O BNG ateiga a Biblioteca Municipal de Marín

Escrito o 19 Abril 2011

O BNG encheu o pasado venres a Biblioteca Municipal onde foi presentada a candidatura do BNG coa presenza de Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), Ornela Fernández Salgado (alcaldábel de Vilaboa polo BNG), Félix Juncal (alcalde de Bueu) e Xosé Manuel Millán (alcalde de Moaña).

Pilar Blanco, a Candidata do BNG á Alcaldía de Marín, sinalou que o noso traballo e os resultados avalan o proxecto político do BNG para Marín. Declarou que «as alternativas están claras: podemos escoller entre volver ao pasado, en darlle a confianza aos que nos ofrecen realidades virtuais, aos que privatizan a sanidade, aos que nos castigan co canon da auga, aos que din si a todo pero despois non fan máis que poñer atrancos, aos que pensan que o importante é estar en Madrid; ou podemos confiar no traballo, na experiencia, e na ilusión que representa o BNG».

Explicou o traballo desenvolvido polas concellarías do BNG, no que o PXOM foi impulsado até acadar a aprobación provisional e do que destacou o obxectivo próximo de desenvolvelo nos próximos anos así como de dotar a Marín de Chan empresarial, o traballo para conseguir solucións aos núcleos do litoral. Pilar Blanco fixo máis balanzo sobre a xestión do BNG no Concello de Marín sobre todo no alumeado, saneamento, pavimentación de viais, a rehabilitación da barriada de Mogor, o Ecoparque de Cadro…

Pilar Blanco foi contundente ao sinalar que «onde uns ven un feixe de votos nos vemos persoas», lembrando a recuperación do patrimonio cultural e artístico do rural marinense, a rehabilitación e recuperación do Centro Social de Pastoriza (Ardán), o funcionamento do Centro Multiusos da Praza de Marín, o Centro Social da Cañota, o Parque de Cantodarea, o auditorio de Briz, etc.

Por último lembrou o impulso ás actividades deportivas, así como as infraestructuras como as que se construirán no Pavillón da Cañota e no Campo de fútbol de Seixo.

Artigo de opinión de Bieito Lobeira sobre o sector pesqueiro galego

Escrito o 14 Marzo 2011

No pasado pleno tratouse unha moción do BNG en defensa da frota pesqueira galega. O PP votou en contra da moción e a favor dunha emenda súa na que reixeitaban a presenza de Galiza no proceso negociador coa unión europea. Os de MAR-IN votaron a favor da moción do BNG e da emenda do PP, e culparon aos mariñeiros galegos de pescar ilegalmente e ser os culpabeis do esgotamento dos bancos pesqueiros. A portavoz do PP non sabía nin que xarda e cabala é o mesmo peixe e cuestiounou que se tratará unha moción sobre pesca no pleno do Concello !!.

Nementres Galiza en xeral e Marín particular van perdendo un sector ao que estivo achegado o noso concello desde tempo inmemoriábel, onde chegamos a ser un dos portos pesqueiros máis importantes do mundo e que podería ser un eixo vertebrador se non fose porque os partidos estatais o venderon para favorecer outros sectores produtivos non galegos, eis a traxedia do noso País.

Podes ollar a Moción do BNG premendo Moción Pesca

O Deputado galego Bieito Lobeira relata neste artigo este proceso de desindustrialización:

Foron moitas as mobilizacións sociais promovidas historicamente polo nacionalismo galego na defensa do elemental dereito a producir, a vivir do noso traballo con dignidade. Era o noso deber combater polo noso, contra unha estrutura xerarquizada e inxusta, que nos condenaba á esmola subsidiada e ao desmantelamento do que nos permitía xerar riqueza. Hai 25 anos, o 1 de xaneiro de 1986, producíase o ingreso formal do Estado español no que daquela se denominaba, sen eufemismos, Mercado Común Europeo, hoxe Unión Europea. Prognosticaba o BNG, coas novas regras de xogo ao servizo das grandes corporacións económicas dos estados máis fortes, un futuro difícil para os sectores produtivos básicos da nosa economía nacional. Vinte e cinco anos despois as consecuencias están á vista.

O caso da pesca é un dos mellores exemplos da incompatibilidade existente entre a política comunitaria e a nosa capacidade produtiva. Galiza era daquela a primeira potencia pesqueira da UE (hoxe xa non o é), con posibilidades teóricas, portanto, de competir con calquera, e mesmo de marcar pautas na política común de pesca. Iso non só non sucedeu, senón que, como é contrastábel, Galiza foi o país de toda a UE que perdeu máis buques pesqueiros, posibilidades de pesca e postos de traballo no mar nese espazo temporal de vinte e cinco anos. Mentres, outras frotas europeas foron medrando e, simultaneamente, multiplicáronse as importacións de produtos pesqueiros e marisqueiros no noso mercado.

É neste contexto no que se produce o último dos ataques contra a nosa frota pesqueira de altura, arrastre litoral e baixura. O Consello de Ministros de Pesca da UE, na súa última reunión (decembro de 2010) fixou os Topes Autorizados de Captura (TAC) e Cotas para as diversas especies no ano 2011. Os acordos adoptados (de non se modificaren) conducirán a unha parte moi importante da nosa frota á inviabilidade, ao amarre e ao despezamento. Milleiros de postos de traballo, no mar e en terra están en xogo.

O proceso de toma de decisión é unha mistura de traxedia e de comedia, iso si, con elevadas doses de surrealismo. Comprobémolo: Os acordos foron adoptados co voto favorábel do Goberno español, quen compartillou presenza nese foro coa Comunidade Autónoma de Estremadura, en representación de Galiza. Á marxe do insólito e incomprensíbel da marxinación do noso país no proceso negociador e de toma de decisións (Galiza, potencia pesqueira, mais sen voz, voto e veto para facer valer os seus intereses nos foros nos que se toman as decisións que nos afectan), resulta insultante que se substitúa a nosa participación pola de Estremadura, comunidade sen ningún interese pesqueiro. No ano 2009 tampouco participou Galiza: foille encomendada a presenza a Castela e León. E o ano anterior, Castela-A Mancha. Espectáculo surrealista, e ademais con consecuencias devastadoras para Galiza.

As cotas de captura de especies con maior interese para a frota pesqueira galega reciben, de xeito incomprensíbel (e por certo, acientífico, isto é, sen fundamentación técnico-biolóxica) uns recortes absolutamente brutais. É o caso, singularmente, do lirio, que experimenta unha redución do 93% a respecto do ano 2010. Tan só 824 toneladas a repartir entre os 93 buques que compoñen o que aínda fica de frota de arrastre litoral. Esta cota non só é escasa: é ridícula, e ademais inxusta. Para todos aqueles que intencionadamente nos teñen acusado aos galegos de «esgotadores dos mares», haberá que lembrar que a imensa maioría das capturas desta especie (o 97’40%) son realizadas por buques factoría dos estados europeos máis «modernos», «ecoloxistas» e «glamourosos», e logo destinados non a consumo humano (como si fan os nosos buques), senón ao seu procesamento como fariñas de peixe. Ademais, existen cotas insuficientes para a xarda, o xurelo, a pescada, o rapante, a cigala ou a rabada. E ollo! Se algún buque galego de altura ou baixura captura incidentalmente algunha destas especies, terá que devolvela morta ao mar, baixo ameaza de sanción. Iso si que é equilibrio mediambiental!

Realmente resulta difícil de entender tanta capacidade de encaixe de decisións negativas para con Galiza. O peor é a asunción natural de tanta e tan aberrante discriminación. A obediencia cega, a interiorización como positiva da calquera decisión, por negativa que sexa, que proceda de Bruxelas, son a mellor proba da humillante autoanulación que practican sen complexos o PP e o PSOE.

Non nos deixan pescar aínda habendo peixe no mar. Máis tranquilidade. A Unión Europea é comprensiva con nós, e xa decidiu enviarnos cartos. Millóns de euros xa orzamentados. Cun pequeno matiz: van orientados exclusivamente a subsidiar o despezamento de buques pesqueiros galegos. Sonche así de xenerosos e demócratas. E ademais até protexen o medio ambiente, segundo din. Que marabilla! E aínda hai quen defende a Unión Europea e se declara alegremente europeísta… Cumpre ser europailán, euroidiota e europasmón para defender esta estrutura imperial, discriminatoria e monstruosa. Neste estado de cousas, a nosa proposta pasa ineludibelmente por inverter a situación: As axudas e as esmolas, para eles. Dámosllas. Non as queremos. Que as metan onde queiran. Nós o que queremos é vivir dignamente do noso traballo.

Procurar

Contacto

Podes contactar co BNG Marín a través do seguinte enderezo: marin -arroba- bng-galiza.org

En Facebook

Webs BNG (O Morrazo)

Aviso legal

O BNG de Marín non se fai responsábel dos comentarios verquidos por persoas alleas.