
A actual sede do Bloque Nacionalista Galego foi construída en 1838, data que aparece labrada no lintel da porta principal. Representa un dos edificios máis antigos conservados na zona histórica da vila de Marín. Tipolóxicamente pertence á arquitectura mariñeira e está dividida en dous niveis. O inferior ten acceso desde a rúa e servía para gardar a embarcación e os aparellos de pesca. O superior accédese tanto desde o exterior como desde o nível inferior e servía como vivenda. Nel consérvase en parte unha lareira.
A historia está moi ligada á familia Martínez de Marín. Un dos seus propietarios foi Xosé Martínez Touza que casara con Rosa Garzón Martínez, esta familia era coñecida co alcume de “Os Carrichos”, que usaba o inmóbel como vivenda. Este matrimonio tivo por fillos a Rogelio, Manuel, María, Otilia e Heriberto Martínez Garzón (1866-1929). Este último casou con Manuela Carranza Yofre en 1890 e do que nacería, entre outros, José Heriberto Martínez Carranza (1895-1985). Enrique Martínez (1887-1950), fillo de Rogelio Martínez Garzón, chegaría a ser Vice-Presidente da Arxentina.
Unha das fillas, Otilia Martínez Garzón “A Carricha”, foi a que herdou a Casa Matriz dos Martínez. Anos despois pasou a mans do seu fillo Xosé Blanco Martínez “O Carricho” que casou mais non tivo fillos. Este foi Secretario do «Recreo de Artesáns de Marín» durante a República e a Guerra Civil. Nos anos 40 foi corresponsal de El Faro de Vigo.
Nos anos sesenta herdouna á muller de Nené “O do Concello”, en agradecemento polos coidados que lle proporcionara aos donos. Entre 1962 e 1968, a nova propietaria alugou a planta baixa para unha froitaría.
A finais dos anos setenta a casa foi mercada por Francisco Gago Lubián, até que a comezos de 1994 foi adquirida polo BNG.
O estado ruinoso no que se atopaba a casa até ese momento fixo que os militantes do BNG reformaran o inmóbel. Da actuación realizada naquela época procede a balconada que hoxe en día existe na casa.
Mais en 1999 xurdiron problemas sobre a propiedade do edificio que deu lugar a un proceso xudicial. A Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza definitiva no 2004 recoñecendo ao Bloque Nacionalista Galego como o lexítimo propietario do inmóbel.
A Casa da Veiguiña forma parte do Patrimonio Histórico-Artístico de Marín, unha das ilustres personaxes que a visitaron foi o que fora Vicepresidente da República Arxentina, de 1983 a 1989, Víctor Hipólito Martínez descendente dos antigos donos.
Otilia Martínez Garzón, a 7ª pola esquerda, e María Martínez Garzón, a 8ª pola esquerda





