
MOCIÓN DE REXEITAMENTO DA REFORMA LABORAL APROBADA POLO GOBERNO CENTRAL
O Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción relativa ao rexeitamento da reforma laboral aprobada polo Goberno Central, para os seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Goberno central vén de aprobar unha ampla reforma do réxime laboral, que suporá unha mudanza substancial no réxime de relacións laborais en Galiza.
O Real Decreto-Lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, socava as bases sobre as que se asentaban as relacións laborais, contendo medidas concretas que, xa desde a súa entrada en vigor, limitan os dereitos dos traballadores e traballadoras, tanto no que atinxe aos seus dereitos económicos como á súa capacidade de negociación laboral.
Porén, como o propio Goberno vén afirmando, esas medidas non contribuirán de xeito directo a xerar emprego nin a mellorar a estabilidade laboral das persoas que na actualidade ocupan postos de traballo en precarias condicións. Confírmase así, que o verdadeiro programa de Goberno do PP é aplicar unha política económica ao servizo de quen máis ten, en prexuízo das maiorías sociais cuxo sustento depende do seu traballo. Constátase que o verdadeiro propósito do Goberno actual consiste en empregar a crise económica como pretexto para atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras, rebaixando as súas condicións laborais.
A reforma laboral aprobada debilita a posición das persoas traballadoras ao tempo que reforza os poderes de dirección da empresa, outorgándolle capacidade para interpretar e desenvolver de xeito unilateral as condicións de traballo pactadas tanto a nivel individual en contrato de traballo como as derivadas de acordos globais sustentados na negociación colectiva. Dese xeito, a nova regulación laboral:
• Reduce as indemnizacións por despedimento improcedente case nun terzo, afectando tamén a dereitos consolidados de traballadores e traballadoras contratados hai anos.
• Estende as posibilidades de abaratar os despedimentos, ao ampliar os supostos para poder extinguir contratos laborais por mor de causas obxectivas, en base mesmo a situacións conxunturais dunha empresa e non estruturais.
• Permite a aplicación de medidas de flexibilización interna de xeito unilateral por parte das empresas que favorecerán desde a extensión de regulacións de emprego, pasando pola mobilidade xeográfica forzosa, até mesmo a imposición obrigatoria de redución de xornadas e salarios.
• Desampara ás persoas traballadoras no caso dos despedimentos colectivos, ao eliminar o control da administración laboral na aprobación dos expedientes de regulación de emprego, obrigando a acudir a un control xudicial, tamén máis limitado.
• Crea un contrato indefinido específico, denominado “de apoio aos emprendedores”, mais aplicábel ao 99 por 100 da empresas en Galiza, que permite o despedimento libre e gratis total durante o primeiro ano.
• Racha co sistema de negociación colectiva sectorial e territorial, que beneficiaba ao colectivo de traballadores e traballadoras que desenvolven a súa profesión en actividades análogas ao homologar as condicións e traballo con independencia da empresa concreta onde traballan, deixando en mans da dirección empresarial a devaluación das condicións de traballo reguladas nos convenios de ámbito supraempresarial.
A reforma laboral imposta de xeito unilateral polo Goberno central terá un impacto negativo nas condicións de traballo e económicas das persoas traballadoras neste concello, que son a maior parte da nosa poboación e merecen dun respaldo institucional perante o ataque emprendido contra os seus dereitos, que forman parte das conquistas sociais atinxidas en beneficio das maiorías sociais.
O noso Concello debe expresar o seu rexeitamento a esta reforma laboral que, lonxe de ser equilibrada como se afana en difundir -con afán de confundir- o Goberno central, en realidade mingua dereitos regulados en normas públicas que favorecían ás persoas traballadoras, para que fiquen a vontade das decisións empresariais e desposuídos de calquera capacidade de negociación e presión para mellorar as súas condicións socioeconómicas.
Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal á reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro, instando ao Goberno central a:
1. Proceder á derrogación de dita norma.
2. Acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais , que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa estímulos reais para a xeración de emprego de xeito inmediato.
2. Comunicar o presente acordo aos grupos parlamentares do Congreso de Deputados e Parlamento de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e Presidente da Xunta de Galiza.
A portavoz municipal,
Pilar Blanco López
Marín, 22 de febreiro de 2012
MOCIÓN DE APOIO Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A DEFENSA E PROMOCIÓN DA SANIDADE PÚBLICA EN GALIZA
O Grupo Municipal do BNG, presenta a seguinte moción relativa á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galiza, para o seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Plataforma SOS Sanidade Pública está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os servizos necesarios. É competencia do Goberno da Xunta de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuraron o seu réxime económico.
A sanidade pública constitúe -xunto co ensino e os demais servizos públicos- un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade. Nas últimas décadas, porén, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde. A decisión de combinar unha redución do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público, cando menos nas condicións actuais de universalidade e gratuidade no momento do uso, e que garanten a accesibilidade á atención de saúde e condicións equitativas para toda a poboación.
A finalidade da proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública vía iniciativa popular, é frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.
Así pois, a proposición de Lei opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada (private finance initiative ou concesión de obra pública), que en países do noso contorno produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.
A proposición de Lei pretende tamén mellorar o servizo público prestado á cidadanía incrementando a capacidade resolutiva en atención primaria como instrumento de achegamento dos servizos de saúde ao territorio e que terá unha grande incidencia na redución dos tempos de espera hospitalaria.
Finalmente, a proposición de Lei configura un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias, sen que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisións.
Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
PRIMEIRO- Manifestar o apoio da Corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e dar traslado do mesmo á presidenta do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.
SEGUNDO- Animar aos veciños e veciñas do noso concello a colaborar con esta iniciativa.
TERCEIRO- Instar á Xunta de Galiza e á Consellaría de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza
A portavoz do BNG,
Pilar Blanco López
Marín, 13 de febreiro de 2012