Arquivo | Decembro, 2009

Obras en Pastoriza (Ardán)

Escrito o 08 Decembro 2009

As Concellarías de Medio Ambiente e Obras veñen de facer dous investimentos importantes no lugar de Pastoriza na parroquia de Ardán.

A Concellaría de Medio Ambiente levou a cabo a rehabilitación do lavadoiro deste lugar que se atopaba completamente en desuso debido ao seu deterioro.

As obras realizáronse en varias fases. Primeiro acondicionouse e limpouse o terreo, procedéndose a retirada de terra de aluvións que atrancaban as presas que alimentan o lavadoiro e que ocultaban case por completo o lousado de pedra que rodea a pío do lavadoiro. Despois aportouse terra drenante ao redor da canle para evitar arrastres.

Tamén se procedeu á retirada da estrutura de formigón que cubría o pío para substituíla por unha cuberta de madeira e tella cerámica curva sostida por columnas de pedra.

A construción de muros artesáns e a reconstrución das canles que distribúen a auga é o que máis caracteriza e chama a atención deste lavadoiro.

A obra completouse co acondicionamento do espazo que rodea a este elemento con zonas axardinadas e plantación dun ciprés dos pantanos e iluminación. En total a obra supuxo un investimento total de 27.688,95 € do crédito municipal.
Por outra parte a Concellaría de Obras e Alumeado levou a cabo a renovación total do alumeado público de Pastoriza, o cal era claramente deficitario e viña sendo unha reclamación constante dos veciños e veciñas deste lugar.

Pastoriza contaba con 23 puntos de luz consistentes en cazoletas con lámpadas de vapor de mercurio, sobre postes de madeira na súa maioría e dependentes dun cadro eléctrico totalmente deteriorado.

As obras consistiron na renovación dos 23 puntos xa existentes e na instalación de 14 puntos de luz novos. As novas luminarias son de vapor de sodio, de xeito que cumpren coa lexislación vixente sobre alumeado público, por ser ademais eficientes e de baixo consumo. Ademais renovouse completamente toda a instalación e o cadro eléctrico, acadándose unha mellora nos niveis de iluminación e unha redución nos custes de facturación de enerxía eléctrica. En total o investimento acadou máis de 30.000 euros do crédito municipal.

Os concelleiros delegados de Medio Ambiente e Obras

Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa

Procurar

Contacto

Podes contactar co BNG Marín a través do seguinte enderezo: marin -arroba- bng-galiza.org

En Facebook

Webs BNG (O Morrazo)

Aviso legal

O BNG de Marín non se fai responsábel dos comentarios verquidos por persoas alleas.